Sunday 05 de May de 2024

Setenta persoas participan na xornada de voluntariado ambiental para limpar a praia do Testal convocada por Decathlon Santiago


Unhas setenta persoas, entre veciños e veciñas de Noia e voluntarios/as da contorna de Compostela, participaron este domingo na xornada de voluntariado ambiental para realizar unha limpeza da praia do Testal. Unha iniciativa organizada por Decathlon Santiago, en colaboración co Concello de Noia e Entorno Ambiental.

A concelleira de Medio Ambiente, Ángela Neri Arufe, participou na iniciativa, que tivo lugar entre as 10:00 e as 13:00 horas. Durante esas tres horas, os presentes, ataviados coas súas camisetas azuis de Decathlon, recolleron unha gran cantidade de refugallos, en especial plásticos e latas, se ben tamén recolleron algúns ferros e mesmo os restos dun sinal en madeira, que fora destrozado por unha acción vandálica. Na iniciativa participaron gran cantidade de nenos e nenas que, ademais de tomar parte na limpeza do areal, tamén asistiron a uns obradoiros sobre boas prácticas medioambientais impartidos por persoal de Entorno Ambiental.

Esta limpeza da praia do Testal é o proxecto de voluntariado ambiental escollido este ano por
Decathlon Santiago, unha iniciativa que se organiza de xeito anual e que se finanza co recadado coa venda de bolsas e papel de regalo nas tendas desta empresa. Tras facer niños para paxaros no Pedroso en 2017, a compañía escolleu este ano a limpeza do areal noiés.